Que é a Superliga Galega de Trail e CxM?

Trátase dunha competición que busca implicar a todas as probas de monte e a todas as persoas que corren trail e carreiras por montaña (CxM) en Galicia, ofrecendo unha clasificación global e independente das diferentes federacións e circuítos.

Todas as probas de trail e carreiras por montaña que se celebran en Galicia están convidadas a formar parte da superliga. E todas as persoas que as corren aparecerán nas clasificacións, con independencia de se están federadas pola FGM, pola FGA ou por ningunha. A superliga é unha clasificación global que non quere substituír a ningunha das competicións que existen, senón ofrecer un aliciente adicional a probas e corremontes.

Quen pode participar?

Calquera que corra unha proba que forme parte do calendario galego e que se sumara a esta iniciativa aparecerá nas clasificacións. Podes consultar no calendario (en construción) que probas son.

Cantas máis probas corras, máis puntos sumarás. Na clasificación contaranse os oito mellores resultados para establecer a final de ano unha clasificación final.

Como se puntúa?

En función da posición que acades nunha proba, asignaránseche máis ou menos puntos, que se multiplicarán polo coeficiente que teña esa proba. O coeficiente de cada carreira vén determinado en función da distancia, do desnivel e do número de finishers.

Hai unha clasificación xeral masculina e outra feminina, ademais de clasificacións en función das categorías: sub18, sub23, sénior, veteranos/as A, veteranos/as B e veteranos/as C.

Estas clasificacións están deseñadas para premiar simultaneamente a participación e o nivel deportivo.

A información detallada podes atopala no regulamento.

E hai premios?

Este proxecto está arrancando e por agora non hai capacidade para comprometerse a ter premios, pero o obxectivo a medio prazo é que si os haxa.

Quen está detrás da Superliga?

A Superliga Galega de Trail e CxM é unha iniciativa de tres clubs: AC Castelos Trail Club, CDM Vértice e Tribu Trail, co apoio na comunicación de GZ Trail.

Por que unha Superliga?

Ás persoas que impulsamos esta iniciativa parécenos necesario un proxecto aglutinador, que, desde o respecto ao traballo das federacións, aposte por superar o actual escenario atomizado.

Aos corredores e as corredoras esta clasificación ofrecélles un aliciente extra para participara en máis carreiras e a posibilidade de comparar o seu nivel no ámbito galego.

Ás carreiras ofrécelles un atractivo adicional de cara a animar as inscricións e unha maneira de apoiar o desenvolvemento conxunto deste deporte en Galicia.