Como era de esperar, nestas primeiras semanas da Superliga 2026 hai cambios abruptos nas clasificacións: hai moitas probas, os corredores e corredoras aínda se están a inscribir nesta competición e os puntos dunha semana alteran drasticamente as posicións da anterior.
Nesta ocasión sumamos os puntos das tres probas que tiveron lugar na fin de semana do 31 de xaneiro e 1 de febreiro: Terras de Burón, A Filloa de Zas e Tral Series Outes. Lembramos que son clasificacións provisionais, porque aínda estamos afinando o método de contaxe de puntos e é posible que se nos escapase algún dato. Así que se te apuntaches á Superliga e corriches algunha destas probas, revisa se apareces na clasificación. Se detectas algún erro, escríbenos a superligatcxm@gmail.com.
Lembra que, a partir de que te anotes á Superliga, contaranche os puntos conseguidos en probas xa celebradas desde principios de ano nas que participaras. Anotáte xa!
Clasificación masculina
Dos tres corredores e tres corredoras que hai uns días estaban no primeiro podio que publicamos, só un se mantén. E no alto da clasificación masculina e da feminina hai novos lideratos, ambos conseguidos con senllos segundos postos na distancia ultra do Trail Terras de Burón: Xosemaría Rodríguez (Tribu/SD Compostela) e Charo Figueroa (Biosbardo/Corredoiras).
Xosemaría estreouse ao grande na clasificación, rendibililzando a súa espectacular actuación na Fonsagrada para pasar de 0 a 780 puntos dunha tacada. Na mesma distancia Borja Varela (Xesteiras/Terras de Burón) foi 10º, e suma os seus puntos aos logrados en Rois para colocarse en 2ª posición. Pecha o podio Sergio García Rodríguez (Biosbardo/Toxos e Birras), que rendibiliza o seus 2º posto no trail curto da Filloa para manterse no podio. Por detrás vén Chema Quintián tirando de constancia, con 678,6 puntos conseguidos xa en tres carreiras.

Clasificación feminina
Como dicíamos, a líder da clasificación feminina é Charo Figueroa, que abre unha distancia considerable sobre as súas perseguidoras; máis de 300 puntos a separan de Banesa Atán (Serres Runners), que escala ata a segunda posición grazas á súa vitoria no trail longo da Filloa de Zas. Ambas ocupaban a cuarta posición na anterior clasificación. A terceira no podio é Loreto Rodríguez (Groba Trail), que volveu da Fonsagrada coa medalla de chocolate na ultra, nada mal. Estefanía Muras (Brión Hyupersa), no máis alto a semana pasada, ocupa agora a 4ª praza da Superliga, con só 2 puntos de vantaxe sobre Lucía Taboada (SD Compostela/ACADE), unha cadete sobrada xa de experiencia e talento.


Deixa unha resposta