Fani, Lucía, Manu, Damián: escalando ata o podio

Esta fin de semana celebráronse dous novos trails: o do Aloia, do que pronto agardamos incorporar as clasificacións, e a Carreira por Montaña A Camelia, da que vimos de sumar os puntos. E do mesmo xeito que escalaron polas paredes de seixo do alto do Castro, atopamos corredores e corredoras que aproveitaron a proba de Vedra para escalar na clasificación.

Antes de entrar en materia, dous recordatorios: lembra que podemos ter erros, polo que debes revisar a clasificación e se atopas algún fallo, escribirnos a superligatcxm@gmail.com. E non esquezas que a partir de que te anotes á Superliga, contaranche os puntos conseguidos en probas xa celebradas desde principios de ano nas que participaras. Anotáte xa!

Clasificación masculina

Isto último é o que lle pasou ao novo líder da clasificación masculina: Damián González. En xaneiro gañou os trail longos de Rois e Cela e agora vén de anotarse na Superliga. Así que, sen puntuar esta fin de semana, dá un salto para pasar do baleiro á primeira praza. Nada mal!

O segundo é Manu Piñeiro (Vértice, CA Cambados, Triatlón Compostela), que xa foi líder na primeira clasificación e agora volve ao podio despois de triunfar no Trail do Castro (22k) da Camelia. Como Damián, leva dúas vitorias en dúas carreiras disputadas. Despraza ao terceiro posto a Xosemaría Rodríguez (Tribu/SD Compostela), que segue a rendibilizar o seu exitazo na ultra de Terras de Burón.

Esta semana non só Damián e Manu escalan na clasificación: tamén dan importantes saltos para entrar no top 10 os vértices Xurxo Fernández e Alberto Martínez, e ao top 20 ruben clásicos como David Freire (Montebrondo), Norris (CA Boimorto, Chuvoners)e os indios Diego Hermo e Edi Fabeiro (Tribu).

Clasificación feminina

A escalada polas pedras do Castro na Camelia válenlle a Estefanía Serantes (Brion Hyupersa) para chegar á 2ª praza e a victoria na carreira máis curta, permítelle á novísima Lucía Taboada (SD Compostela, ACADE) poñerse 3ª. Acompañan así no podio a Charo Figueroa (Biosbardo, Corredoiras), que mantén o liderato.

As indias do Tribu Trail Alba Midón e Patri Noya aproveitaron a súa participación nas probas combinadas da Camelia para sumar por partida dobre esta fin de semana e entrar no top 10, en 6ª e 8ª posición. E no top 20 asoman agora María Tubío (Tribu) e outra cadete, Alma Pereira (Vértice). Xunto a ela e Lucía, temos outra sub18 entre as 20 mellores da clasificación: Xulia Vidal, de Tribu, que aparece no posto 15º. Azos novos no trail feminino galego!

Comentarios

Deixa unha resposta