A Superliga Galega de Trail e CxM continúa o seu camiño pola xeografía galega como se dun trailer de orquesta se tratase. Proba tras proba, fin de semana tras fin de semana, a liga vai facendo parada en lugares ben distintos, case como a Panorama cando percorre as mellores festas do país en periodo estival: moito público, ambiente garantido e espectáculo asegurado.
Esta última semana incorporáronse á clasificación novas citas: o Quiroga Trail Challenge, o Trail do Nocedo, o Portosín Trail Series e o Trail Adventure Muíños do Folón.
Catro campos de festa moi distintos entre si, pero en todos entrou o trailer da Superliga.
Cada romería tivo a súa historia. En Quiroga, na festa do trail galego, volveuse vivir ese ambiente especial que fai desta proba algo máis ca unha carreira. Unha carreira de “Do-Lor” polo Courel profundo onde máis de mil participantes acadaron o ansiado hashtag de #choiovirado.
Tamén houbo cita grande en Bueu, onde o Trail do Nocedo acolleu o Campionato Galego de Carreiras por Montaña baixo o paraugas da FGM. A proba cumpriu coas espectativas, mesturando, como sempre, cultura, deporte e territorio, combinando sendeiros técnicos, subidas esixentes e paisaxes abertas sobre a ría de Pontevedra.
Mentres tanto, en Portosín Trail Series organizado por Arousa Neo levou aos corredores ata a base militar de Iroite pola cara norte da Serra do Barbanza, poñendo a Ría de Muros e Noia ós seus pés.
E no sur da provincia de Pontevedra, o Trail Adventure Muíños do Folón volveu demostrar porque é unha carreira especial. O percorrido polos históricos muíños do Folón ofrece un entorno único para correr, combinando patrimonio, bosque e montaña nunha paisaxe difícil de igualar.
Esta xira que ben se podería bautizar “Superliga Tour” deixou tamén consecuencias na clasificación.

Na categoría masculina e femenina o liderado é para Sergio García Rodríguez, do CD Biosbardo / Traileiros Toxos e Birras e Patri Noya de Tribu Trail, que soben ao mais alto do podium coa mesma autoridade que poden demostrar os cantantes da Gran Parada enriba do escenario, basando o seu liderado na regularidade, igual que a Gran Parada sempre están aí.
Por detrás aparecen o tamén indio Eduardo “Edy” Fabeiro Raposo e Rosa María Araújo do Running Sport Trail, que dan un salto importante e confirman que cando hai desnivel e, sobre todo, kilómetros entran na pelexa polos postos de honra.
Completan o podio provisional o noso “letrado” favorito Xosé María Rodríguez Fernández da Tribu e da #esedé, e Charo Figueroa (Biosbardo / Corredoiras ), demostrando que a experiencia segue sendo un valor seguro nas montañas galegas.


Deixa unha resposta