Maio chega con cambios na clasificación

Foto: Luis Docampo

Igual que pasa cos maios, esa tradición tan nosa que cada ano serve para espantar os malos espíritos e anunciar a chegada do bo tempo, a Superliga Galega de Trail e CxM tamén entra nun momento da tempada onde xa desaparecen as escusas, as dúbidas e os inicios titubeantes. A estas alturas xa queda á vista quen chega forte, quen resiste e quen quere pelexar de verdade pola clasificación.

Nas últimas semanas o calendario foi un auténtico non parar: Camovi, Celanova, Entre Castelos, Montes de Atios, Xalo, Ons, Orixes, Xove ou Cuntis. Quilómetros e máis quilómetros atravesando Galicia de punta a punta, mentres a clasificación segue cambiando case cada fin de semana.

Clasificación masculina

Na categoría masculina Sergio García continúa firme no liderado. O corredor segue sumando con regularidade e mantén unha distancia considerable sobre os seus perseguidores. Por detrás, Fabian Amado consolídase no segundo posto e Andrés Flórez mantense terceiro despois dun tramo de calendario moi esixente. Pero quizais o movemento máis forte estea ás portas do podio: Darío Arias mete unha subida tremenda ata a cuarta posición e achégase perigosamente ós postos de honra.

Tamén soben con forza Adrián López e Manuel Piñeiro, aproveitando un bloque de probas moi favorable para medrar na xeral. Pola contra, Chema Quintián perde varias posicións nun top10 cada vez máis apertado, onde xa non chega con aparecer: hai que puntuar case cada fin de semana. Marcos Castro, Alexandre Otero e David Porto tamén se meten entre os dez mellores nunha clasificación que cambia máis rápido ca o tempo nunha saída de montaña.

Clasificación feminina

Na feminina houbo auténtico terremoto. María del Rosario Figueroa colle o liderado da Superliga despois dunhas semanas espectaculares e coloca o seu nome no máis alto da xeral. Estefanía Muras tamén dá un paso adiante e sobe ata a segunda posición, mentres Antía Goberna confirma o seu enorme estado de forma entrando xa no podio absoluto.

A que perde máis terreo é Bea Barroso, que cae ata a cuarta posición despois de liderar a clasificación, aínda que continúa plenamente metida na loita. E se hai un nome que xa deixou de ser sorpresa para converterse en realidade é o de Lucía Taboada. A corredora sub18 segue escalando postos sen ningún tipo de complexo e xa está entre as cinco mellores da Superliga absoluta.

Tamén destacan as subidas de Nerea Castro, María Frey e Lucía Peón, nun top10 feminino cada vez máis competitivo e con máis caras novas pedindo paso. Porque se algo está deixando esta tempada é unha sensación clara: aquí xa ninguén espera turno. Cada carreira cambia cousas. Cada fin de semana move a clasificación.

E mentres os Maios seguen enchendo Galicia de flores e tradición, a Superliga encara a recta final de maio con citas importantes como Fuciño do Porco, Riotorto ou o Trail Vikingo de Carnota. Cinco meses despois do inicio da tempada, xa empezamos a ver unha fotografía bastante real do que pode ser esta Superliga 2026.

Comentarios

Deixa unha resposta