Mentres uns pensan en torradas doces “torrijas”, procesións e darlle descanso ó corpo, a Superliga Galega de Trail e CxM de procesión en procesión por toda Galicia. Aquí non hai cuaresma que valla: se non estás na clasificaicón da Superliga, non es ninguén no mundo Trail e CxM en Galicia.
E vaia se se sumou estas semanas.
Coa entrada de probas como Cova da Bruxa, Laxe dos Bolos, Desafío Oia e Toxiza, a clasificación pega outro meneo serio. Terreos e ambientes distintos, pero que todas quixeron formar parte do calendario da SUPERLIGA: por algo será.
Masculina: Sergio oficia a misa… e os demais van en procesión

Na cabeza, pouco misterio: Sergio García continúa líder e, máis que líder, xa se está convertindo no “mesías” ós que todos seguen. Desa xente que non necesita gañar todo para ter controlado o asunto. Regularidade de libro.
Pero por detrás hai novidades importantes. A irrupción de Andrés Flórez Pérez, corredor da Tribu, ata o segundo posto non é casualidade. Gañou galóns en Cova da Bruxa, proba multitudinaria con máis de 1.000 participantes, e fíxose tamén cun sitio na selección galega da FGA. Pouca broma… os resultados tan serios que está obtendo.
E ao terceiro caixón súbese Chema Quintián Agrafojo, o corredor dos Serres, que as mata calando, sen facer moito ruído… sinal de identidade do rapaz.
Quen perde algo de fol é Eduardo Fabeiro Raposo, que baixa posicións tras semanas moi cargadas, e tamén un Xosé María Rodríguez Fernández que queda máis atrás do esperado. Pero xa sabemos como vai isto: aquí ninguén está morto… só está collendo aire, ainda que no caso de “O Letrado” pode que esté mal enterrado.
Feminina: cambio de mando e nivel que mete medo

Se na masculina hai estabilidade arriba, na feminina hai revolución. Por primeira vez colócase líder Beatriz Barroso Pérez, corredora da Tribu e do Atletismo Noia. Un liderado que non cae do ceo: chega despois de competir ben en escenarios esixentes e demostrar que tamén sabe xogar a isto da regularidade.
Por detrás mantense firme Rosa Araujo, sempre fiable, sempre sumando. E completa o podio Fani Muras, que volve meterse arriba nun podium que cada semana está máis cara.
E ollo ao que vén por detrás. Métese no top 10 Lucía Peón Santomé, e segue escalando, sen facer ruído pero sen freos, Lucía Taboada Codesido. O de esta rapaza xa non é sorpresa: é realidade. E das que incomodan.

Deixa unha resposta